Pesquisar este blog

4 de dez. de 2013

CALENDARIO DE PETO 2014

Estas son as bases para participar. A seguir, podedes ver unha presentación con imaxes dos calendarios gañadores en cursos anteriores! Ánimo e participade.

4 de jul. de 2013

X Congreso da Mocidade pola Lingua


E o 21 tivo lugar o X Congreso da Mocidade pola Lingua






O peche do curso foi intenso e emocionante. Pouco tempo houbo para aburrirse. Dende o photocall ata os vídeos dos participantes en concursos varios e pasando pola exposición dos cantares de cego ou o magnífico contacontos.
Este foi o programa:
 
 
Aquí nos quedan algúns momentos especiais...
 
 
 
 
 
Bo verán e ata o próximo curso!!!
 
 

20 de jun. de 2013

Que facer cando chegan as vacacións? Pistas en "ollos de aula ", nº8.

En véspera do último día de clase xa  imos pensando  que facer no verán ( viaxes, praias, piscina, lectura, deportes, tempo de lecer...!) Esas son as vacacións, mesmo para quen as necesite para estudar,  seguro que  tamén buscará algo de descanso.
As familias tedes  un novo número da revista "ollos de aula" que se pode consultar premendo aquí ou no enlace permanente de información ás familias, á dereita desta páxina.  Veredes como se pode facer unha lectura de proveito deste último número que xa cerra o curso!!

17 de jun. de 2013

O portal das palabras

O curso está a piques de rematar, pero nós non queremos fechar portas... Por iso vos presentamos un enlace para aprender e  xogar. Premede en   O portal das palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Se abrides ese portal, xa nunca máis desexaredes cerralo.

Así foi como o  a prensa se fixo eco desta  nova, premede  aquí e poderedes saber, por exemplo que contan coa versión do dicionario electrónico para móbiles e "tablets".



   

 

6 de jun. de 2013

E maio deixou sorpresas...



Si.Os maios trouxeron sorpresas!  Sorpresas aos máis pequenos, agochadas nos boliños que puideron degustar os participantes no concurso deste ano.
E una grande rosca -sorpresa  aos que gañaron , os alumnos de 4ºB de ESO. Os nosos parabéns !
 Véxanse a fotos, xa sabemos que unha imaxe vale máis que mil palabras...
Grazas a todos os que vos animastes a participar , sen a vosa colaboración non sería o mesmo.
E aos máis pequenos :  non desanimedes, outra vez será!






Concurso Maios 2012-2013: Gañador.
 
Os gañadores, 4º B de ESO amosando o seu premio.







 













 





 

 

29 de mai. de 2013

Entrega de premios aos gañadores do concurso de audivisuais das Letras Galegas.


O pasado venres tivo lugar a entrega de premios do concurso de audivisuais sobre as Letras Galegas convocado  polo Servizo Municipal de Normalización Lingüística e a Concellería de Cultura  do concello de Carral en colaboración co CPI e  destinado ao alumnado de Secundaria do centro.

Parabéns para todos os participantes e os profesores que os animaron a participar nesta interesante iniciativa!!

Teremos ocasión de poder visionar próximamente  as súas estupendas creacións consultando a páxina web do Concello.
Mentres tanto, aquí nos queda un recordo deses momentos de magníficos premios e  gratas sorpresas...

Venres, 31 de maio:

Xa o temos, aquí está  a  noticia.
 Entrade en culturacarral.blogaliza.org e veredes os vídeos gañadores( 1º premio a Javier Sánchez e Carlos Nahuel Pérez por "Os 50 principais das Letras Galegas").
Animádevos , pasaredes un bo rato!!!





22 de mai. de 2013

Maio e as súas festas!

 
Este  é o mes das flores, das festas, dos maios...
Esperamos ver as vosas estupendas creacións  para o concurso final do día 30!  
 
Para os que se inician, que saibades que podedes ver como se fan os maios se consultan á marxe dereita a presentación power-point do CEP de Ventín.
 Se necesitades máis información premede  en Os maios.
E para os que teñan máis habilidades en inglés, tamén poden comprobar o que se pode facer na lingua de Shakespearel! Ide ao enlace de recursos, á dereita da páxina.
 
Moita sorte e que gañe o mellor!!
 

15 de mai. de 2013

Correlingua 2013: " galego a chave do mundo."

A gran festa da lingua! 
 Un ano máis, un grupo de alumnos e alumnas de Secundaria do centro, xunto con moitos outros    chegados de toda a comarca, acudiron a este acto tan importante como é o Correlingua, que nesta edición tiña como lema: o galego, a chave do mundo.
 Non faltou a festa nin a alegría dos máis pequenos e por suposto, dos máis vellos, que cos seus berros se fixeron notar ao longo do percorrido dende a Torre de Hércules ata os xardíns de Méndez Núñez Foi alí onde nos acolleu o adestrador Fernando Vázquez para logo proceder á   lectura do Manifesto por parte do IES Isaac Díaz Pardo de Sada e axiña dar paso á  diversión coa actuación de Pepe  Penabade e o grupo gañador do concurso musical do Cantalingua: Monoulious.
Parabéns aos gañadores do concurso de pancartas, o IES David Buján de Cambre!
Noraboa tamén, a todos os que participaron na organización, sen esquecer ao noso compañeiro, Anxo!   Foi una mañá inesquecible!

Premede nos enlaces que seguen para ver as imaxes da prensa e da televisión.

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/galicia-noticias-seran-585611 (ollar a partir do minuto 18)


http://www.laopinioncoruna.es/coruna/2013/05/14/galego-tamen-pode/721782.html 



8 de mai. de 2013

Letras Galegas 2013: Roberto Vidal Bolaño



Este ano lembramos a figura de Roberto Vidal Bolaño nese día tan especial para as nosas letras, o 17 de maio. Como xa pouco nos queda para esa data tan sinalada, queremos propoñervos unha serie de actividades recollidas de páxinas de recursos  para pequenos e maiores. Deixámolas á dereita desta páxina  para que as poidades consultar como enlaces permanentes para cando as necesitedes. Esperamos que vos sirvan de axuda!!
O EDLG.

Ah, e ademais contamos coa programación especial da RTVG , consultádea en http://www.crtvg.es/crtvg/crtvgviva/os-medios-publicos-galegos-participan-da-festa-das-letras-cunha-programacion-especial-durante-esta-semana
 
 
 
 


 

23 de abr. de 2013

23 de abril, Día do Libro : propostas para maiores e traballos dos máis pequenos.

Lecturas en galego para a mocidade

Secundaria:

Lembramos a todos os que nos seguen que nun día como o de hoxe poden ollar as lecturas propostas no catálogo  do EDLG. Que mellor maneira de celebrar esta data que lendo o que un desexa ou lle fan desexar baixo a forma dun agasallo!



Infantil:

Ah, por certo, vistes como traballan os nosos pequenos e os seus profes?
Ollade ,a través destas fotos que aquí vos deixamos, a intensa actividade dos nenos e nenas de Educación Infantil celebrando o día do libro cunha visita á biblioteca do Concello para unha sesión de contacontos ou a lectura do conto"O alemán de Camelle"por parte de Beatriz Maceira, autora do mesmo.






 
 



4 de abr. de 2013

SOLIDARÍZATE TAMÉN EN GALEGO!!



 O equipo de EDLG lembra que está en marcha a campaña dinamizadora lingüística e solidaria pola cal os alumnos e alumnas que así o desexen poderán traer ao cole tres produtos non perecedeiros etiquetados en galego . Logo ,entregaranse á Cociña Económica da Coruña.
Non vos esquezades, a data última de recollida de produtos é o próximo 12 de abril!!!
 

 

 Velaquí tedes o resultado da vosa colaboración, da vosa solidariedade. Grazas polo xesto!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 
 

22 de mar. de 2013

VIDEOCONFERENCIA CON VERÓNICA BOQUETE, ESTRELA DA SELECCIÓN ESPAÑOLA!



Seguindo a iniciativa do equipo da biblioteca, o ENDLG  buscaba mulleres que  tivesen  unha repercusión na sociedade polo seu percorrido profesional ou vital.

 
Nesta ocasión, e en colaboración cos departamentos de L. Castelá e Tecnoloxía, organizamos unha primeira videoconferencia. Foi dende Suecia e falamos con  Verónica Boquete ( 9 de abril de 1987), futbolista estrela  da selección española!! Actualmente xoga na liga sueca no Tyresö.

 
É unha triunfadora no profesional e no persoal!  Destacamos a  amabilidade e sinxeleza coa que respondeu ás preguntas que lle plantexaron algúns alumnos no nome de todos os  de  1º e 3º de ESO D.

Grazas, Verónica!!!
 



Velaquí tedes o resumo do que nos contou para que a coñezades un pouquiño mellor!

P. Botas de menos a túa  terra?

R. Si, isto é o máis difícil. Boto de menos a miña familia, amigos…



P. Con que xogador te identificas?

R. O meu fútbol parécese ao de Andrés Iniesta.

 

P. Cal foi o trofeo que che fixo máis ilusión gañar?

R. O da liga americana porque era a mellor liga do mundo.

 

P.Cando che dixeron que entrabas na selección española, que sentiches?

R. Sorprendida. Nunca me imaxinara…

 

P. Por que cres que o fútbol feminino ten que seguir vivo?

R. Porque é un deporte e non debe haber diferenzas Cada un é libre para escoller.

 

P.Que outros deportes che gustan?

R. Todos os deportes: baloncesto, kárate…

 

P. Cal foi a razón pola cal che gustou este deporte?

R. Meu pai era adestrador.

 

P.Cales son as túas botas favoritas?

R.Neste momento teño unhas adidas pro eleven pero calquera marca pode valer.

 

P. Por que cres que es a mellor xogadora da selección española?

R. Porque son un referente dado que son máis coñecida ao xogar nas mellores ligas.

 

P. Messi ou Cristiano: cal che gusta máis?

R. Messi.

 

P.Como pensas que é o fútbol feminino, que características ten á hora de xogar que o diferencien do masculino?

R É diferente físicamente: unha muller non ten o mesmo físico que un home, ten menos forma física, pero o xogo pode ser máis técnico.

 

 

18 de mar. de 2013

CONCURSO DE AUDIOVISUAIS LETRAS GALEGAS ( PARA SECUNDARIA)





Normalización lingüística do Concello de Carral lanza un concurso dirixido ao alumnado de Secundaria do centro.
Tomade nota das bases e animádevos, vale a pena!! Toda a información está no enlace permanente de Concursos, á dereita desta páxina.
Tamén podes consultar as bases aquí: http://www.concellocarral.com/index.php?id=78&lista=0&canal=0&noticia=2097

17 de mar. de 2013

Taller de froitas en Educación Infantil: que bonita experiencia!!

TALLER DE FROITAS
   No mes de marzo, os nenos e nenas da aula de 3 anos B realizamos un taller de froitas.


 
   Todos trouxemos froitas da casa, probamos diferentes sabores, observamos as diferentes cores, tocamos moitas texturas…

 
 
Foi moi divertido!!!
   Logo, fixemos brochetas de froitas coas diferentes froitas que trouxemos.  
Algunhas non as coñecíamos como os "alquequenjes"

Gustáronnos moito!!!!

12 de mar. de 2013

Adiada a carreira do 23 para o 25 de maio!!














Aviso importante!!
Esta carreira queda adiada para o 25 de maio debido á coincidencia destas datas cos desprazamentos propios de Semana Santa.



Os alumnos e alumnas do centro están desexando que rematen os exames para poder descansar, esquecer os libros , irse de vacacións de Semana Santa e ... participar na I Carreira do CPI Vicente Otero Valcárcel!!   Preme no enlace  e poderás ter máis detalles sobre desta grande nova :http://www.concellocarral.com/index.php?id=78    Animádevos a participar, será unha experiencia única!

7 de mar. de 2013

Alumnos de 4º ESO participan no Parlamento Xove 2013

E febreiro tamén nos deixou outras boas novas, velaquí unha delas, que é ben interesante!!
Moitos parabéns polo esforzo e a iniciativa!!

O pasado 15 e 16 de febreiro o noso centro  participou na  Edición 2013 do Parlamento Xove de Galicia, que se celebrou no Pazo de Mariñán (Bergondo). O equipo participante estaba integrado polos seguintes alumnos de 4ºESO A: Álvaro Bermúdez, Tania París, Sofía Sánchez e Mateo Vázquez.

O Parlamento Xove´13 trátase dunha competición de debate organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Este ano, a temática elixida foi “o consumo responsable” na xuventude e os debates preliminares xiraron en torno á seguinte pregunta: “Está a servir a crise económica global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?”

O noso equipo non logrou clasificarse para a final, pero regresou coa satisfacción de gañar un dos tres debates nos que participou  e compartir unha xornada de convivencia cos compañeiros dos outros 15 centros participantes, especialmente cos do IES Ollos Grandes (Lugo) e cos do IES Afonso X O Sabio (Cambre).
 

1 de mar. de 2013

Entroido 2013

 Xa despedimos febreiro para dar a benvida a marzo. O Entroido queda atrás.
 Foi un tempo de disfraces e troula. Na  retina quedan estas imaxes, pronto aparecerán  máis...

PRIMARIA




SECUNDARIA

21 de fev. de 2013

Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

 Ás veces, hai  feitos casuais que semellan non selo tanto. Nace o blog do ENDLG nos días en que se fala de nacementos, de aniversarios... As datas marcan a nosa vida. Así marcaron tamén a da nosa grande autora, Rosalía de Castro. Hai quen di que naceu o 21 de febreiro de 1837, hai quen sostén que o 24. Oficialmente, os actos lémbrana este último día.
No CPI recordamos os seus versos na voz de Amancio Prada. Nos momentos nos que chegamos ao centro e cando saímos. A poesía e a música axudan a lembrar, permiten gozar...
                                               

                                                  "Adiós ríos, adiós fontes"






Adiós, ríos; adiós, fontes;
Adiós, regatos pequenos;
adiós, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muiño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igresiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ao meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!
¡Adiós, groria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nacín!,
deixo a aldea que conoso
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero…
¡Quén pudera no o deixar…!
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n’é miña,
que astra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ao que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adios, adiós que me vou,
herbiñas do campo santo
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que vos criou.
Adiós, Virxe da Asunción,
branca como un serafín:
lévovos no corasón;
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.
Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.
Xa se oien lonxe, máis lonxe….
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo…
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!
¡Adiós tamén, queridiña…!
Adiós por sempre quizais…!
Dígoche este adiós chorando
desde a beiriña do mar.
Non me olvides queridiña,
si morro de soidás
tantas légoas mar adentro…
¡Miña casiña! ¡meu lar!

Para máis información:
http://www.galiciaespallada.com.ar/rosalia_castro_cantaresgallegos.htm